O CONCELLO DE CERVO ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS AO TRANSPORTE ESCOLAR DO CURSO 2025-2026
O Concello de Cervo pon en marcha unha nova convocatoria das axudas ao transporte escolar correspondentes ao curso 2025-2026, dirixidas a estudantes menores de 30 anos que teñan que desprazarse fóra do termo municipal para cursar formacións ou titulacións que non se impartan en ningún centro educativo de Cervo.
O Concello de Cervo destina 12.000 euros a apoiar os desprazamentos do alumnado que cursa estudos fóra do municipio, cunha achega de 150 ou 250 euros segundo a renda familiar.
As solicitudes poden presentarse ata o 12 de novembro, incluído, no Rexistro Xeral da Casa do Concello.
O Concello de Cervo pon en marcha unha nova convocatoria das axudas ao transporte escolar correspondentes ao curso 2025-2026, dirixidas a estudantes menores de 30 anos que teñan que desprazarse fóra do termo municipal para cursar formacións ou titulacións que non se impartan en ningún centro educativo de Cervo.
A convocatoria conta cunha partida de 12.000 euros de fondos municipais e contempla dúas contías, de 150 e 250 euros, que se asignarán en función da renda familiar das persoas solicitantes.
Poderá optar a estas axudas o alumnado que curse ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios ou escolas de música, modalidades de Bacharelato non impartidas no municipio ou ciclos medios e superiores de Formación Profesional, sempre que cumpra as condicións recollidas nas bases.
PRAZO E DOCUMENTACIÓN
As persoas interesadas dispoñen ata o 12 de novembro, incluído, para presentar a solicitude e a documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello.
Entre os documentos requiridos figuran as fotocopias dos DNI dos membros da unidade familiar maiores de idade, o libro de familia, as autorizacións para consultar información doutras administracións e a documentación académica acreditativa dos estudos realizados durante o curso 2025-2026. De ser o caso, tamén se deberá achegar o certificado oficial de discapacidade ou dependencia.
As bases completas poden consultarse na Casa do Concello, na Casa da Cultura e na sede electrónica municipal, a través da seguinte ligazón: https://cervo.sedelectronica.es/.../113d7316-3616-4e49.../
Con esta iniciativa, o Concello de Cervo continúa apoiando as familias e favorecendo a igualdade de oportunidades no acceso á educación, contribuíndo a reducir o custo que supoñen os desprazamentos para cursar estudos que non se ofrecen no municipio.