O CONCELLO DE CERVO REVALIDA A BANDEIRA VERDE DE GALICIA POLO SEU COMPROMISO COA SUSTENTABILIDADE E A CONSERVACIÓN DO MEDIO NATURAL
As melloras na accesibilidade, a eficiencia enerxética, a protección da biodiversidade e as iniciativas de sensibilización ambiental forman parte das actuacións presentadas nesta convocatoria.
O Concello de Cervo vén de recibir a Bandeira Verde de Galicia, un distintivo co que a Xunta de Galicia recoñece o labor dos municipios que destacan polo desenvolvemento de iniciativas orientadas á protección ambiental, á sustentabilidade e á conservación da paisaxe e do patrimonio natural.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, desprazouse este mércores ata Ribadulla, no municipio de Vedra, para recoller este recoñecemento, da man da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que pon en valor o traballo que se está a desenvolver desde a Administración local en diferentes ámbitos relacionados coa mellora da contorna e a calidade de vida da veciñanza.
A rexedora agradeceu a concesión da Bandeira Verde e destacou que “este recoñecemento anímanos a seguir avanzando nun modelo de concello máis sostible, no que a protección do medio ambiente estea presente nas decisións e nas actuacións que desenvolvemos no día a día”.
García Caramés incidiu tamén na importancia de combinar as melloras nos servizos e nos espazos públicos coa conservación dos recursos naturais.
“En Cervo traballamos para que a sustentabilidade se traduza en accións concretas: desde reducir o consumo enerxético e mellorar a xestión dos residuos ata recuperar espazos naturais, protexer a biodiversidade e facer máis accesibles os nosos núcleos e itinerarios”, sinalou.
Entre as actuacións presentadas nesta convocatoria figuran as melloras de accesibilidade en espazos urbanos e patrimoniais, como o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, a creación e recuperación de itinerarios peonís e a posta en valor de sendeiros na contorna costeira de San Ciprián e nos núcleos rurais.
No ámbito da protección ambiental, destacan as medidas para reducir os residuos no litoral, coa instalación de contedores elaborados con materiais reciclados para a recollida de residuos mariños e dispositivos específicos para cabichas nas praias, así como accións destinadas a favorecer a biodiversidade, entre elas a colocación de caixas niño, a plantación de especies autóctonas e o control e eliminación de flora exótica invasora.
A estas iniciativas súmanse as actuacións de eficiencia enerxética, como a renovación progresiva do alumeado público, as melloras enerxéticas en edificios municipais e a instalación de caldeiras de pellets en equipamentos públicos, ademais da adhesión do municipio ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía.
A xestión responsable dos residuos e da auga constitúe outro dos eixes de traballo, co fomento da compostaxe doméstica, a recollida de biorresiduos, o funcionamento dos puntos limpos fixo e móbil e as melloras nas redes de abastecemento e saneamento.
A alcaldesa puxo igualmente o foco na sensibilización e na implicación social, con iniciativas como o programa Coida Cervo e as actuacións de restauración ecolóxica e reforestación.
“O coidado da contorna é unha responsabilidade compartida. A colaboración da veciñanza resulta fundamental para consolidar os avances e deixar ás vindeiras xeracións un Cervo máis verde, saudable e respectuoso co seu patrimonio natural”, concluíu.