O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A PARTICIPAR NAS FESTAS EN HONRA Á VIRXE DOS DOLORES QUE SE CELEBRARÁN A PRÓXIMA FIN DE SEMANA

as dolores

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e os membros da Comisión das Festas Virxe dos Dolores, Juan José Pardo e Federico Lage Casas, presentaron esta mañá o programa das celebracións, que se desenvolverán os vindeiros sábado 26 e domingo 27 de setembro.

A programación arrancará o sábado 26 de setembro ás 14:00 horas cunha sesión vermú a cargo de Luxor Music Show. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, terá lugar unha gran verbena amenizada por Luxor Music Show e Discomóbil Conxuro.

O domingo 27 de setembro será a quenda da tradición, coa pasarrúas a cargo do grupo Fol do Raxal. Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne cantada polo Coro de Cervo, seguida da procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal. A continuación, os asistentes poderán desfrutar dunha sesión vermú prolongada a cargo de Discomóbil Conxuro.

Durante a presentación, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a importancia de manter vivas estas celebracións, que forman parte do calendario festivo e da tradición do municipio, e animou á veciñanza e ás persoas que visiten Cervo estes días a participar nas diferentes actividades.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza a achegarse e desfrutar dunhas festas pensadas para compartir, reencontrarse e vivir xuntos estas xornadas festivas.

As festas están organizadas pola Asociación Virxe dos Dolores coa colaboración do Concello de Cervo.