O CONCELLO DE CERVO PON EN VALOR E COLABORA NA DIFUSIÓN DOS SERVIZOS DE PROXIMIDADE DE CORREOS

correos

Entre os servizos que se poden solicitar atópanse o envío de cartas e paquetes, cartas certificadas, sobres prefranqueados, paquetería de tarifa plana, adquisición de selos e embalaxes, así como a solicitude de voto por correo.

 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, mantivo este mediodía un encontro coa responsable da Unidade de Correos de Burela, Alejandra Castro, co obxectivo de coñecer de primeira man e colaborar na difusión dos diferentes servizos que a entidade pon á disposición da veciñanza, tanto a través das súas oficinas como do servizo de reparto rural.

Durante a reunión, desde o Concello puxeron en valor a importancia de dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece Correos, que vai moito máis alá do envío de cartas e paquetes. A través do persoal de reparto rural, determinados trámites e servizos poden realizarse directamente desde o domicilio, evitando desprazamentos e facilitando o día a día, especialmente para as persoas que viven en zonas rurais ou teñen maiores dificultades de mobilidade.

Entre os servizos que se poden solicitar atópanse o envío de cartas e paquetes, cartas certificadas, sobres prefranqueados, paquetería de tarifa plana, adquisición de selos e embalaxes, así como a solicitude de voto por correo.

No ámbito dos servizos á cidadanía, Correos tamén permite realizar o pagamento de recibos e tributos, incluídas multas da DXT, así como acceder a servizos financeiros como Correos Cash, que posibilita realizar determinadas operacións de ingreso e retirada de efectivo, incluso mediante entrega a domicilio.

A oferta complétase con outros servizos, entre os que se inclúen os distintivos ambientais da DXT, balizas de emerxencia, seguros AXA, servizos financeiros, lotería da Cruz Vermella, produtos solidarios de UNICEF, libraría e merchandising.

Precisamente, a iniciativa “Correos chega á túa porta” busca achegar estes servizos directamente aos domicilios, a través dos carteiros e carteiras rurais, facilitando que a veciñanza poida realizar diferentes xestións sen necesidade de saír do seu concello.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a importancia de “dar a coñecer entre a veciñanza todos os servizos que temos ao noso alcance e que moitas veces descoñecemos”.

“Correos ten unha presenza moi importante no noso concello e queremos colaborar na difusión destas prestacións, porque son servizos que facilitan a vida das persoas e contribúen a manter unha atención próxima, especialmente para a veciñanza das zonas rurais”, sinalou.

García Caramés incidiu tamén en que “é importante que os nosos veciños e veciñas saiban que o carteiro ou carteira rural pode ser tamén unha vía para acceder a determinados servizos sen ter que desprazarse a outras localidades”.

Neste sentido, desde o Concello animan á cidadanía a informarse sobre as posibilidades que ofrece este servizo e a consultar directamente co persoal de reparto rural ou nas oficinas de Correos.

DOUS PUNTOS DE ATENCIÓN DE CORREOS NO CONCELLO DE CERVO

Ademais dos servizos que se poden achegar directamente aos domicilios a través do reparto rural, o Concello de Cervo conta con dúas oficinas de Correos no propio municipio: unha situada no edificio da Casa do Concello e outra na avenida da Mariña, en San Ciprián.

Desde o Concello salientan que esta presenza de Correos no municipio permite ofrecer á veciñanza diferentes alternativas para realizar os seus envíos e xestións, reforzando a rede de servizos de proximidade.

A alcaldesa concluíu destacando que “contar con servizos no propio concello é fundamental para garantir unha atención próxima á cidadanía, e por iso consideramos importante colaborar con Correos para que todas estas posibilidades cheguen ao maior número posible de veciños e veciñas de Cervo”