O CONCELLO DE CERVO REFORZA A SEGURIDADE VIARIA EN SAN CIPRIÁN CO REPINTADO DA REDE VIARIA
A alcaldesa, Dolores García Caramés, supervisou esta mañá os traballos xunto á Policía Local
O Concello de Cervo está a levar a cabo os traballos de renovación e repintado da sinalización horizontal viaria en distintos puntos do núcleo de San Ciprián, cunha actuación financiada integramente con fondos propios municipais.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou esta mañá o desenvolvemento dos traballos xunto con efectivos da Policía Local, comprobando sobre o terreo o avance dunha actuación que ten como principal obxectivo mellorar a visibilidade da sinalización e reforzar a seguridade tanto de condutores como de peóns.
A intervención contempla o repintado de liñas de carril, pasos de peóns, cebreados, delimitación de prazas de estacionamento e diferentes símbolos e marcas viarias.
Os traballos esténdense por diferentes rúas e espazos do núcleo urbano de San Ciprián, entre eles a avenida de Lieiro, Rúa do Cobo, Rúa do Xunco, a contorna do CEIP Península da Paz, Camiño Galdín, Rúa Emilia Pardo Bazán, Rúa das Areas, Rúa dos Campos, Rúa Concepción Arenal, Rúa Asturias, Rúa Manuel Antonio e Rúa Beiramar, entre outros.
A actuación responde ao desgaste producido polo uso continuado das vías, o tráfico e as condicións meteorolóxicas, que provocaron unha progresiva perda de visibilidade de parte das marcas viarias existentes. A renovación permitirá mellorar a definición da sinalización e contribuír a unha circulación máis segura e ordenada.
Tal e como explicou a alcaldesa, “estamos a realizar unha actuación moi necesaria para San Ciprián, porque unha boa sinalización horizontal é fundamental para garantir a seguridade viaria e facilitar a convivencia entre vehículos e peóns”.
A rexedora municipal destacou tamén que “desde o Concello queremos manter en boas condicións os espazos e servizos públicos e actuar directamente alí onde detectamos necesidades. Neste caso, estamos a renovar unha sinalización que se atopaba desgastada e que precisaba ser recuperada para ofrecer unha maior visibilidade e seguridade”.
García Caramés puxo en valor, ademais, o feito de que “esta actuación se executa con fondos propios do Concello de Cervo, o que demostra o compromiso do Goberno municipal coa conservación e mellora da nosa rede viaria e coa atención ás necesidades dos veciños e veciñas”.
A alcaldesa sinalou igualmente a importancia da coordinación coa Policía Local durante o desenvolvemento dos traballos, especialmente nun ámbito urbano con circulación rodada e peonil: “É importante que este tipo de actuacións se realicen procurando minimizar as molestias e garantindo en todo momento a seguridade dos usuarios das vías”.
O orzamento total previsto para a actuación ascende a 30.855 euros. Con esta intervención, o Concello de Cervo continúa avanzando no mantemento e conservación da rede viaria municipal, apostando por unhas vías mellor sinalizadas, máis seguras e adecuadas tanto para a circulación rodada como para os desprazamentos peonís.