O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA NOVA EDICIÓN DE CERVO CONCILIA QUE CONTOU COA PARTICIPACIÓN DE PRETO DE 150 CRIANZAS

clausura cervo concilia

Unha edición que, ademais, incorporou o servizo Cervo Madruga, pensado para facilitar aínda máis a conciliación das familias que precisaban ampliar o horario de atención. Así, as familias que o precisaron puideron levar as súas crianzas ao programa desde as 7:30 horas, contando con este servizo de atención temperá antes do inicio das actividades.

O programa municipal, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos, volveu combinar propostas educativas, deportivas e de lecer para facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares

O Concello de Cervo puxo este martes o broche final a unha nova edición do programa Cervo Concilia, que acompañou durante todo o verán a preto de 150 crianzas de entre 3 e 12 anos con propostas pensadas para aprender, compartir e gozar do tempo de vacacións nunha contorna segura e dinámica.

Unha edición que, ademais, incorporou o servizo Cervo Madruga, pensado para facilitar aínda máis a conciliación das familias que precisaban ampliar o horario de atención. Así, as familias que o precisaron puideron levar as súas crianzas ao programa desde as 7:30 horas, contando con este servizo de atención temperá antes do inicio das actividades.

Ao longo do verán, o Cervo Concilia combinou deporte, natureza, creatividade e aprendizaxe a través de propostas moi diversas, entre elas kaiak, ioga, manualidades, clases de inglés, ou un taller de lingua de signos, entre outras actividades de carácter lúdico e educativo.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou o balance positivo desta edición e salientou que “Cervo Concilia é xa unha iniciativa plenamente consolidada no noso calendario, pero cada ano intentamos renovala e ofrecer novas experiencias ás crianzas, porque queremos que desfruten do verán, que aprendan e que leven consigo bos recordos destas semanas”.

A rexedora subliñou tamén a importancia do programa desde o punto de vista da conciliación: “para as familias é fundamental contar con recursos que lles permitan compatibilizar as súas responsabilidades laborais coa atención ás súas fillas e fillos durante as vacacións escolares. O 

Cervo Concilia naceu precisamente con ese obxectivo, pero facéndoo desde unha perspectiva na que o tempo das crianzas estea tamén cheo de actividades, aprendizaxe, diversión e convivencia”.

Nesta edición, o desenvolvemento do programa foi posible grazas ao traballo dun amplo equipo humano formado por 14 monitores e monitoras e 22 voluntarios e voluntarias, aos que a alcaldesa quixo agradecer especialmente a súa implicación.

“Quero poñer en valor e agradecer enormemente o traballo de todas as persoas que fixeron posible o Cervo Concilia. Son moitas horas de dedicación, organización e acompañamento das crianzas, e esa implicación é fundamental para que o programa funcione e para que cada actividade se desenvolva da mellor maneira posible”, afirmou García Caramés.

A alcaldesa tamén agradeceu “a confianza das familias que un ano máis apostaron por este programa municipal” e asegurou que “desde o Concello seguiremos traballando para manter e reforzar iniciativas que dean resposta ás necesidades das familias de Cervo e que, ao mesmo tempo, ofrezan ás nosas crianzas alternativas de lecer saudable, educativo e enriquecedor”.