NACE NO CONCELLO DE CERVO A ESCOLA DE MÚSICA DOREFAMIFANECA, UN NOVO ESPAZO PARA APRENDER E GOZAR DA MÚSICA
A escola instalarase no edificio municipal que anteriormente ocupaba o FOREM, en Cervo, situado fronte á Casa do Concello, un inmoble que o Concello de Cervo cede para facer posible a posta en marcha deste novo proxecto educativo e cultural.
A iniciativa, impulsada pola asociación DoReFaMiFaneca, recentemente constituída, instalarase no edificio municipal do antigo FOREM, fronte á Casa do Concello, coa colaboración do Concello de Cervo
O Concello de Cervo contará a partir deste curso cunha Escola de Música. Trátase de DoReFaMiFaneca Escola de Música, un proxecto impulsado pola asociación DoReFaMiFaneca, recentemente constituída, que nace coa finalidade de achegar a formación musical á veciñanza e ofrecer un espazo para aprender, crear e gozar da música.
A escola instalarase no edificio municipal que anteriormente ocupaba o FOREM, en Cervo, situado fronte á Casa do Concello, un inmoble que o Concello de Cervo cede para facer posible a posta en marcha deste novo proxecto educativo e cultural.
Na presentación da iniciativa, ante o edificio que albergará a escola, estiveron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e Chus e Xacobe, impulsores da asociación e da escola. Chus é profesora de canto e Xacobe está especializado en instrumentos de corda. Ambos decidiron unir experiencia, coñecementos e ilusión para crear este novo proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Cervo.
A posta en marcha de DoReFaMiFaneca supón ademais cubrir unha carencia existente no municipio, xa que Cervo non contaba ata o de agora cunha escola de música propia. Deste xeito, a veciñanza terá a oportunidade de acceder a formación musical no propio concello, sen necesidade de desprazarse a outros municipios.
A escola está dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, con clases personalizadas adaptadas ás diferentes idades e niveis, desde persoas principiantes ata alumnado avanzado. A proposta aposta por unha aprendizaxe baseada no acompañamento de profesorado experto e, sobre todo, por aprender gozando da música.
Entre os obxectivos de DoReFaMiFaneca está o de espertar o artista que cada persoa leva dentro e ofrecer un lugar no que a música sexa sinónimo de aprendizaxe, ilusión, creatividade e diversión.
UN NOVO RECURSO CULTURAL PARA CERVO
A alcaldesa de Cervo, puxo en valor a creación desta nova escola de música e destacou que se trata dunha iniciativa especialmente interesante para o municipio.
“Estamos moi satisfeitos de que Cervo conte por fin cunha escola de música propia. Era unha necesidade que existía e consideramos que esta iniciativa é unha magnífica oportunidade para achegar a formación musical á nosa veciñanza, especialmente aos máis pequenos, pero tamén ás persoas adultas que queiran iniciarse ou continuar a súa formación.”
A rexedora felicitou a Chus e Xacobe pola iniciativa e agradeceu a súa aposta por desenvolver o proxecto en Cervo:
“Queremos agradecer a Chus e Xacobe a súa iniciativa e a ilusión coa que están a poñer en marcha DoReMiFaneca. Son eles os que deron o paso de constituír esta asociación e impulsar a escola, e desde o Concello entendemos que debemos apoiar proxectos que nacen da propia veciñanza e que contribúen a enriquecer a oferta cultural e educativa do municipio.”
A alcaldesa tamén destacou a importancia de dar novos usos aos espazos municipais, neste caso ao edificio que anteriormente acollía o FOREM:“É moi positivo poder poñer este edificio municipal ao servizo dun proxecto educativo e cultural. Queremos que os espazos dos que dispón o Concello teñan vida e sexan útiles para a cidadanía, e esta escola é un moi bo exemplo de colaboración entre a iniciativa dunha asociación e a Administración local.”
Neste sentido, sinalou que a chegada da escola supón tamén abrir unha nova vía para a formación e a dinamización cultural en Cervo “A música ten unha enorme capacidade para educar, para fomentar a creatividade e tamén para crear comunidade. Que os nenos e nenas de Cervo poidan aprender música no seu propio concello, pero que tamén poidan facelo persoas de calquera idade, é unha moi boa nova”.
“Animamos a todas as persoas interesadas a achegarse, coñecer o proxecto e resolver as súas dúbidas. Estamos convencidos de que DoReFaMiFaneca pode ter un percorrido moi bonito en Cervo e esperamos que sexa o comezo dunha escola que medre coa participación da nosa veciñanza.”
INFORMACIÓN PRESENCIAL
Todas as persoas interesadas poderán achegarse para solicitar información e resolver as súas dúbidas nos seguintes puntos:
CASA DA CULTURA DE SAN CIPRIÁN
Luns 14 e 21 de setembro
De 17:00 a 19:00 horas
CASA DO CONCELLO DE CERVO
Martes 15 e 22 de setembro
De 17:00 a 19:00 horas
Ademais a asociación ten dispoñibles os seguintes teléfonos de contacto para resolver dúbidas e facilitar toda a información: 608 841 347 (Chus), 646 711 761 (Xacobe).
Instagram: @dorefamifaneca, ou
correo electrónico:dorefamifaneca@gmail.com
Desde a organización agradecen a atención da veciñanza e animan a todas as persoas interesadas a poñerse en contacto para coñecer máis polo miúdo a oferta formativa e o funcionamento da nova Escola de Música DoReFaMiFaneca.