O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UN NOVO OBRADOIRO DE EMPREGO
Este martes clausuramos o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove IX, promovido, nesta ocasión, polo noso Concello, no que se formaron vinte persoas desempregadas nas especialidades de xardinería (Cervo e Xove) e Pintura (Burela), nos últimos doce meses.
A rexedora, Dolores García Caramés, participou no acto de entrega dos diplomas que tivo lugar este mediodía no auditorio da Casa da Cultura, ao que tamén asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias, a rexedora de Burela, Carmela López, e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro.
Caramés quixo darlle os parabéns ao corpo docente do obradoiro e tamén ao alumnado “que estou convencida de que sacará o máximo proveito desta formación, que é unha oportunidade para adquirir novos coñecementos e ampliar habilidades para enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo”.
A rexedora quixo destacar a importante aposta da Xunta de Galicia polo emprego, xa que “estes obradoiros son unha oportunidade única de colaboración institucional para conseguir unha dobre vantaxe: a de mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras, e a de realizar obras e servizos de interese xeral, que revirten en melloras palpables para todos os veciños e veciñas do concello”.
E xa anunciou que desde o Concello de Cervo “seguiremos apostando por este tipo de iniciativas que nos ofrece a administración autonómica, de feito xa no mes de novembro dará comezo un novo obradoiro, co obxectivo de mellorar a calificación e a empregabilidade da nosa veciñanza”