O CONCELLO DE CERVO SERÁ O ESCENARIO DO I TRAIL A FUME DE CAROZO 2023 O PRÓXIMO 2 DE SETEMBRO

A cita deportiva está organizada polo Club local que dá nome ao evento coa colaboración do Concello de Cervo

  • Está prevista unha andaina de 13 quilómetros, un trail curto de 16 quilómetros, e outro de 25 quilómetros
  • A saída e a meta serán na Praza dos Campos, en San Ciprián
  • Toda a información está dispoñible nas redes sociais do club a Fume de Carozo

O Concello de Cervo será o escenario do I Trail A Fume de Carozo o sábado, 2 de setembro, a partir das 10:00 horas.

A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e por unha representación dos membros do club local A Fume de Carozo, en San Ciprián, onde se situará a saída e a meta do evento, en concreto na Praza dos Campos.

Tal e como explicaron desde a organización, haberá unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel aproximado de +300 metros, un trail de 16 quilómetros cun desnivel aproximado de +600 metros e un trail de 25 quilómetros cun desnivel aproximado de +900 metros.

Nos trails tan só poderán participar as persoas maiores de 18 anos, pero a Andaina si que estará aberta para menores coa correspondente autorización do pai, nai ou titor/a.

Toda a información relativa ao evento está dispoñible nas redes social do Club A Fume de Carozo e a inscrición pode formalizarse a través da ligazón: https://ccnorte.com/evento/index/dp/9?search&fbclid=IwAR3-d0kZP3KmnIj-_eGRewNRmsQXTtbmnqlj4gs0-WgEy-WHjP7HZXr7D04

Todas as persoas inscritas recibirán un agasallo, e a inscrición inclúe seguro, avituallamento, dorsal e servizo de duchas no pavillón municipal.

En ámbolos dous trails haberá categorías absoluta (18-39 anos), veteranos A (40-49 anos) e veteranos B (de 50 anos en diante), tanto masculina como feminina; e haberá ademais un trofeo específico para o mellor clasificado e a mellor clasificada local.

Desde o Concello de Cervo animan a desfrutar desta proba que  é ademais un escaparate turístico de primeira orde, que permitirá ás persoas participantes descubrir os atractivos do noso municipio, tanto da costa como do interior, desde outra perspectiva, facendo deporte.