O RÍO XUNCO RECIBE 50.000 ALEVÍNS DE TROITA QUE CONTRIBUIRÁN A CONSERVAR O ECOSISTEMA E A REPOBOAR O CAUCE CON ESTA ESPECIE
O rexedor e a edil de Medio Ambiente, participaron na solta esta mañá, xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias
Villares e Méndez “puxeron en valor a actuación ambiental que incidirá na rexeneración natural do río logo dos desgraciados acontecementos que tiveron lugar o pasado verán, que provocaron a morte de preto de medio millar de troitas froito dun vertido”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, participaron esta mañá, co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, na solta de 50.000 exemplares de alevíns de troita no leito do Río Xunco, en Cervo.
Villares e Méndez puxeron en valor a iniciativa ambiental e amosaron a súa ledicia ao ver este recurso natural cheo de vida, logo ademais dos desgraciados episodios que se viviron o pasado verán “cando se detectaron medio milleiro de troitas e reos mortos a raíz dun vertido cuxa orixe xa foi identificada”.
Coa solta destes exemplares –precisan- o que se pretende é contribuír á rexeneración natural do río e concienciar sobre a necesidade de manter os nosos ecosistemas na mellor das condicións.
Estas troitas veñen reforzar pois –engaden- “o hábitat natural do noso río, contribuíndo á súa repoboación e a protección da biodiversidade da contorna”.