O CONCELLO DE CERVO PON EN MARCHA DIFERENTES PROGRAMAS FORMATIVOS PARA OS MOZOS E MOZAS DO MUNICIPIO
- Poderán inscribirse nun curso de monitor de tempo libre ou realizar prácticas en diferentes empresas e departamentos do Concello, entre outras propostas
- Villares destacou que “tentamos ofrecer aos rapaces todas as ferramentas que estean na nosa man, para complementar e reforzar a súa formación e mellorar a súa empregabilidade, nun mercado laboral cada vez máis competitivo e que demanda maior cualificación”

O Concello de Cervo, a través da delegación de Xuventude, pon en marcha diferentes iniciativas formativas dirixidas a mozos de ata 30 anos. Son os programas:
- Avívate en Cervo. Dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos; no que se desenvolverá un curso de monitor de tempo libre e diferentes obradoiros relacionados coa motivación persoal e emprendedora. O prazo para anotarse remata o 28 de xuño.
- Deseñando o teu futuro. Dirixido a rapaces de entre 14 e 18 anos, que poderán realizar estadías becadas en empresas e coñecer a realidade socio-laboral e empresarial da súa contorna. Recibirán unha retribución de 6 euros ao día e poderán facer prácticas nos diferentes departamentos do Concello, nunha perruquería, na Escola Infantil…O prazo para anotarse remata o 7 de xullo.
- Cervo a carón do voluntariado. Para rapaces de entre 16 e 30 anos. Os inscritos poderán colaborar nas diferentes actividades que se programan dende o Concello como os Enredos de Verán, as Noites Alternativas, ou unha actividade de achegamento á biblioteca, coa que se pretende animar á lectura aos nosos maiores.
As inscricións son de balde e as prazas son limitadas.
Nesta liña, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que o que se pretende “é traballar para tentar ofrecer aos nosos mozos todas as ferramentas que estean na nosa man, para complementar e reforzar a súa formación e mellorar a súa empregabilidade, nun mercado laboral cada vez máis competitivo e que demanda maior cualificación”
O rexedor convidou, así mesmo, a todos os rapaces a que se sumen a estar propostas e que aproveiten o tempo de lecer ao máximo, “porque entendemos que estes proxectos constituirán un importante apoio para o seu futuro e desenvolvemento persoal e profesional”.