11/04/17. O CONCELLO DE CERVO COMEZA A GRAVACIÓN DUN DOCUMENTAL QUE RECOLLERÁ AS RAÍCES E A HISTORIA DO MUNICIPIO NA VOZ DOS PROPIOS VECIÑOS
A primeira parada foi no Centro Social de Trasbar, onde veciños e veciñas falaron do presente e recordaron vivencias do pasado

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura, vén de comezar a gravación dun documental no que os/as protagonistas serán os propios veciños e a súa historia.
Deste xeito, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil delegada de Cultura, Dolores García Caramés, mantiveron un encontro cos veciños de Trasbar, no seu centro social, onde comezou a gravación, para trasladarlles o obxecto do traballo, que segundo sinalou Villares non é máis “que tentar rescatar as raíces e a historia de cada unha das aldeas e parroquias do noso Concello, que os nosos veciños poñan en común vivencias e recordos, que nos axuden a facer unha radiografía do que é, e o que foi o noso pobo, coa voz de todos e cada un deles como protagonista”.
Comezamos en Trasbar -engadiu- “pero queremos chegar aos recunhos máis significativos do noso Concello, que son moitos, e falar con todos os veciños que queiran colaborar neste traballo de campo, que consideramos que é importante realizar, para que, dalgún xeito, quede constancia gráfica da nosa memoria colectiva e que perdure no tempo”.
Villares pediu a colaboración dos veciños das diferentes parroquias que serán citados dende o Concello para participar neste traballo, “no que pretendemos referenciar e plasmar vellos costumes que co tempo, pouco a pouco se van diluíndo, festas populares, alcumes familiares, algo moi tradicional en toda Galicia e tamén no noso pobo; antigas profesións, a día de hoxe case desaparecidas…en definitiva, a intención é eleborar un completo mosaico que nos permita facer unha viaxe ao pasado do municipio e das súas xentes, narrada polos propios cervenses”.
O documental está a ser elaborado por rapaces con formación específica nesta materia, que están estes meses como becarios no Concello, froito dun convenio asinado coa Universidade de Santiago.