25/08/2016. 542 rapaces participaron nas noites alternativas que organizou o Concello durante este verán.

542 rapaces participaron no programa Noites Alternativas que desenvolveu o Concello de Cervo durante este verán e do que fixeron balance o alcalde, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto. As actividades que contaron con máis participantes foron o fútbol 3x3 e o baloncesto 3x3.

O rexedor municipal manifestou que 'desde o Concello de Cervo temos que facer a valoración do resultado das Noites Alternativas que outro ano máis tivo lugar no noso concello. A verdade é que, ao igual que estes anos pasados, a valoración que facemos é moi positiva de todas estas xornadas de Noites Alternativas, onde houbo diversas actividades lúdico-deportivas que se levaron adiante nestes meses de xullo e agosto. Foron un total de 542 as persoas que participaron nestas xornadas que tiveron lugar tanto en San Ciprián como en Cervo entre o 11 de xullo e o 18 de agosto'.

Alfonso Villares explicou que 'as actividades que se organizaron foron desde o patín, a orientación, os xogos populares, o volei praia, o fútbol praia, o fútbol 3x3, o baloncesto 3x3 e o pádel. De todas estas actividades as que tiveron máis repercusión, sen dúbida ningunha, foron o fútbol 3x3, con 178 participantes; o baloncesto 3x3, con 122 participantes; e o fútbol praia tivo un total de 112 participantes'.

E o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, salientou que 'todas estas actividades foron gratuítas tanto para os rapaces do concello como para todos aqueles que se quixeron achegar ao noso municipio para gozar delas. Tiveron o escenario tanto en San Ciprián como en Cervo, na praia de O Torno, na praza dos Campos e nas pistas de pádel que temos situadas no complexo deportivo de A Veiga'.

José Ramón Soto engadiu que 'como en anos anteriores esta valoración que nós facemos destas xornadas é moi positiva tanto en participación como pola diversidade das mesmas e anímanos a seguir traballando no mesmo sentido. Ademais hai que destacar que non houbo ningún tipo de incidencia negativa. Quedamos todos con ese bo sabor de boca de facer unha actividade que nos serve no verán para ter entretidos estas noites aos nosos rapaces, sobre todo con deportes. Ver que a resposta foi tan boa como foi anímanos a seguir traballando e tamén a valorar e incrementar, se cabe, as actividades para o ano que ven'.