14/01/2016. O Concello realiza unha obra no colexio nº 1, de San Ciprián, para dividir unha aula en dúas e que asi dispoña dun espazo para impartir clases de música

O Concello está realizando unha obra no colexio Cervo Número 1, de San Ciprián, traballos que consisten na división dunha aula en dúas para que así o centro poida dispoñer dun espazo para impartir clases de música. Esta actuación, que foi solicitada pola dirección e a asociación de nais e pais de alumnos do colexio, empezouse durante as vacacións de Nadal e está a piques de rematar. As obras foron visitadas polo alcalde, Alfonso Villares; a concelleira de Educación, Dolores García; a directora do centro, Carmela Fernández; e a presidenta da Anpa, María José González.
A edil de Educación explicou que esta actuación consiste en “separar unha aula en dúas partes, xa que era un espazo grande e desaproveitado. Con esta obra, que realiza integramente o Concello, o colexio contará cunha aula a maiores, que se destinará para a materia de música, a cal antes se daba en cada aula do curso que lle correspondía, o que dificultaba o funcionamento normal da materia”.
Dolores García engadiu que “o Concello segue a apostar pola educación e continúa na liña de mellorar os centros do municipio, actuando na realización de obras que se adecúen ás necesidades da comunidade educativa. Así se está a facer agora no colexio de San Ciprián e se fixo no de Cervo antes de comezar o curso, ao realizar unhas obras necesarias no centro para mellorar a súa accesibilidade na entrada e no parque infantil. Seguiremos en comunicación tanto cos centros como coas asociacións de nais e pais para seguir nesta liña e poder continuar mellorando”.