O CONCELLO DE CERVO CELEBRARÁ O TRADICIONAL ENCONTRO DE PALILLEIRAS E FEIRA DE ARTESANÍA O VINDEIRO SÁBADO 11 DE ABRIL
A xuntanza terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos
As inscricións están abertas na Casa da Cultura e a través do teléfono 629 91 22 39
O Concello de Cervo celebrará o XIX Encontro de Palilleiras e Feira de Artesanía o vindeiro sábado 11 de abril, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián.
Con 19 edicións de traxectoria, o Encontro de Palilleiras é unha cita xa plenamente consolidada no calendario do municipio, coa finalidade de poñer en valor unha tradición artesanal de gran relevancia cultural, que se mantén viva grazas á paciencia, á dedicación e á creatividade das persoas que a practican.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán gozar da beleza dos traballos artesanais e ver en directo a destreza das palilleiras, contribuíndo así á conservación e á posta en valor dun oficio con gran tradición e séculos de historia.
O encontro complétase cunha Feira de Artesanía e conta coa colaboración da asociación Mulleres de San Ciprián, A Rebolaxe, a Hostalería de San Ciprián e Adaoemam A Mariña.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Casa da Cultura de San Ciprián, no teléfono 982 595 157 ou 629 912 239, ou a través do correo electrónico casadacultura@concellodecervo.com. As prazas cubriranse ata completar aforo.