CERVO CONCILIA PUXO O PUNTO E FINAL ESTE VENRES AO TALLER DE EMOCIÓNS CON TILA
Ao longo das sesións, as nenas e os nenos de Cervo Concilia tiveron a oportunidade de identificar, expresar e aprender a xestionar as súas emocións dun xeito natural, divertido e adaptado ás súas idades. A través de xogos, dinámicas e diferentes actividades, Tila converteuse nunha compañeira fundamental para crear un espazo de confianza no que compartir, descubrir e medrar.
O programa Cervo Concilia puxo este venres o punto final ao taller de emocións, unha proposta desenvolvida ao longo do verán da man de Rosa e da súa inseparable acompañante canina, Tila, que conquistou ás crianzas participantes a través do xogo, o agarimo e a aprendizaxe.
Ao longo das sesións, as nenas e os nenos de Cervo Concilia tiveron a oportunidade de identificar, expresar e aprender a xestionar as súas emocións dun xeito natural, divertido e adaptado ás súas idades. A través de xogos, dinámicas e diferentes actividades, Tila converteuse nunha compañeira fundamental para crear un espazo de confianza no que compartir, descubrir e medrar.
Ademais do traballo arredor das emocións, as crianzas tamén se achegaron á iniciación á lingua de signos, incorporando novos recursos e formas de comunicación dunha maneira lúdica e participativa, co apoio tamén de Tila.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse este venres á última sesión para compartir tempo coas crianzas e participar tamén nas diferentes propostas e xogos, comprobando de primeira man o entusiasmo e a implicación dos nenos e nenas.
Quixo agradecer especialmente a Rosa e a Tila o seu traballo, dedicación e cariño ao longo de todo o taller, así como ás familias e ás crianzas participantes, pola súa implicación e por facer posible que cada sesión se convertese nunha nova oportunidade para aprender e compartir.
O taller pecha así as súas portas despois de varias semanas de xogos, dinámicas e experiencias compartidas, deixando como aprendizaxe que todas as emocións teñen o seu lugar e que aprender a recoñecelas e expresalas tamén pode ser unha aventura divertida e chea de agarimo.