GALERÍA / SARGADELOS GALERÍA / SARGADELOS
Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos

O Conxunto Histórico-Artistico de Sargadelos foi declarado como tal o 18 de agosto de 1972 e inclúe os restos do complexo industrial fundado a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, ao levantar unha fundición de ferro e, a principios do XIX, as fábricas de louza e vidro.

A implantación da industria cerámica neste lugar non se debe ao azar, senón a riqueza natural en minas de caolín, materia prima fundamental para esta industria; á existencia de fragas, que facilitou o uso directo de madeira nos procesos industriais; e á proximidade do mar, que favoreceu o transporte.

Este conxunto está formado polos seguintes bens patrimoniais: A presa, restos das instalación siderúrxicas, Casa da Administración, Antiga Fábrica de Louza, Casa do Peso, Paseo dos Namorados, Pazo de Ibañez, Camiño Real, Igrexa de Santiago de Sargadelos e cemiterio.

A presa foi construída no 1791, para o seu aproveitamento industrial. Situada sobre o río Xunco, no que se atopan diversas construcións que aproveitaron a forza da auga e serviron para a elaboración de produtos de consumo. Seguindo a marxe do río pódese ver o "Paseo dos Namorados”.

En 1794 entrou en funcionamento en Sargadelos o primeiro dos altos fornos cos que ía contar a fundición, que foi evolucionando ata que se converteu nun complexo con dous altos fornos dotados de mecanismos de inxección de aire e catro fornos de calcinación. A fábrica producía cazolas, bombas, granadas, e metrallas.

Na actualidade, conservánse restos de varios fornos nas inmediacións da Casa da Administración e o Paseo dos Namorados.

A Antiga Fábrica de Louza levantouse no ano 1804, co fin de imitar a louza de Bristol, en Inglaterra. Foi pioneira no decorado mecánico e na louza estampada. Despois de permanecer pechada durante moitos anos, no século XX  experimenta un novo auxe, sendo os seus impulsores Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.

A Casa do Peso construíuse ao mesmo tempo que a Fábrica de Louza, e a súa función foi a de pesar a louza para a sua venda. Trátase dun edificio illado, con muros de mampostería e cuberta de lousas. O pazo de Ibañez foi construído en 1804 para servir de residencia ao marques. É un pazo señorial, aínda que de estilo campesiño, de planta cadrada e cachotaría branqueada. A fachada principal é neoclásica e os seus balcóns foron realizados na fundición. A fachada posterior está precedida dun pequeño xardín e orientada ás instalacións da fábrica.

A estrada de peaxe ou Camiño Real foi construído en 1849, dende as Reais Fábricas ata o Porto de San Ciprián. Foi a primeira estrada de peaxe de España e a través dela chegaban ata o mar os productos manufacturados nas fábricas propiedade de Ibañez. A Igrexa de Santiago de Sargadelos levantouse entre os anos anos 1862 e 1865. O seu arquitecto foi D. Ignacio Ledo, baixo a dirección de D. Xosé Mª Noya.

É pouco habitual a realización dunha obra de autor de calidade no medio rural. Neste caso estivo motivada pola presenza das empresas e o prestixio da zona.

De gusto neoclásico, consta dunha nave cuberta con bóveda de medio canón sobre dous arcos faxóns, capela maior e dúas sancristías, e nas suas inmediacións atópase o cemiterio, importante pola existencia de sepulturas de interese artístico.
 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa