
O sector económico predominante no municipio é o industrial (todas as empresas cun elevado número de traballadores pertencen a este sector) tendo que destacar o asentamento do complexo industrial de Alcoa, no que traballan 1200 persoas. Este é o maior da provincia de Lugo e o artífice da extraordinaria aceleración do proceso de industrialización do municipio, producindo un efecto multiplicador no mesmo e máis concretamente no núcleo de San Ciprián, xa que ao seu redor foise creando un cinto industrial de empresas auxiliares que empregan a unas 600 persoas, que lle prestan servizos de mantemento.
Dentro do sector tamén é de destacar a presenza da Cerámica de Sargadelos, que supuxo unha alta incorporación de mulleres no mercado de traballo.
Dentro do sector servizos a principal actividade é a hostalería e restauración, caracterizada por un gran número de establecementos.
Neste sector prodúcese unha elevada estacionalidade, posto que na época estival é cando se produce un pico de actividade.
Cabe destacar a instalación, no Polígono Industrial de Cuíña, de dúas piscifactorías dedicadas á cría e engorde de rodaballo, que supuxeron un impulso para o sector da acuicultura no noso municipio.
Asemade, é de subliñar a instalación dunha factoría de procesado e conxelado de peixe que iniciou a súa actividade no segundo semestre do ano 2005 neste polígono industrial.