
Un dos factores máis relevantes de Cervo é a diversificación da súa base económica. Así, temos unha zona costeira industrializada, turística e activa; e unha zona interior agrícola-gandeira, na que predomina o sector primario.
O nacemento e despregamento industrial tivo moito que ver coa existencia de arxilas e caolín na zona. A súa explotación permitiu a creación dunha industria derivada, como son as fábricas de ladrillos, tellas e, sobre todo, louza, que ten a súa máxima representación en Sargadelos. Na actualidade, a principal industria é a empresa Alcoa Europe, asentada entre os Concellos de Cervo e Xove, e que absorbe un importante volume de man de obra e xera un apreciable efecto multiplicador no municipio e máis concretamente no núcleo de San Ciprián. O sector terciario concéntrase en dous núcleos, Cervo e San Ciprián.