Publicador personalizado
« Atrás

O CAMPUS DE BALONCESTO ENTRENOS REGRESA A SAN CIPRIÁN DO 27 AO 2 DE XULLO

O evento deportivo está organizado pola asociación deportiva e cultural EntreNos; e o Concello de Cervo pon á súa disposición todas as instalacións necesarias para contribuír a que volva ser unha experiencia única para a mocidade participante

O prazo para participar continúa aberto; establecéronse 48 prazas dirixidas ás crianzas nadas entre o 2004 e o 2009, que convivirán nunha burbulla logo de pasar un test de antíxenos

Villares aplaudiu “o tremendo esforzo realizado pola familia EntreNos para sacar adiante esta nova edición, readaptando o formato á situación sanitaria que vivimos, apostando polo deporte seguro”

O pavillón da Veiga acolleu a presentación do III Campus de Baloncesto EntreNos, que terá lugar entre o 27 de xuño e o 2 de xullo “son seis días de competición, nun  formato readaptado á situación sanitaria actual, moito máis técnico, con máis competición, e sobre todo con moito basket co obxectivo de recuperar sensacións logo deste ano tan difícil que vivimos”; tal e como subliñaron desde a organización, no acto no que participaron o rexedor, Alfonso Villares, o edil de Deportes, David Rodríguez, a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, e o director e o responsable de comunicación do campus, Nacho Mota e Pablo Ojea, respectivamente.

O prazo de inscrición continúa aberto, aínda que xa quedan moi poucas prazas das 48 dispoñibles, dirixidas á mocidade nada entre os anos 2004 e 2009 (ambos incluídos). Debido á situación sanitaria tan só se oferta réxime interno, “para crear unha burbulla EntreNos de convivencia entre os participantes, que se someterán a un test de antíxenos antes de ingresar no campus como medida de prevención e seguridade”.

O equipo técnico estará formado por Cristino Menor, Nacho Mota, Zaida Iglesias , Juanma López , Mer Chele, Javier Cal, Sabela Taboada e Juan Carlos Paz.

Os integrantes do Campus EntreNos recibirán cada día unha masterclass a cargo de recoñecidos profesionais do basket, que impartirán unha sesión de táctica en equipo que logo se poñerá a proba na tarde de competición.

As clases correrá a cargo de:

-      Adrián Chapela, actualmente compite en Leb ORO co Força Lleida.

-      Sandra Prieto, adestradora no Uni Ferrol.

-      Fer Buendia, seleccionador galego durante catro tempadas, experiencia en ligas Feb como Eba y Lf2. Este ano está no Xiria de Liga EBA.

-      Iago Castro: adestrador axudante do C.B. Breogán desde a pasada tempada.

O rexedor Alfonso Villares aplaudiu o “enorme esforzo realizado polos integrantes da asociación deportiva e cultural EntreNós, que organiza o evento, para sacar adiante esta nova edición na que tiveron que reinventarse readaptando o formato á situación sanitaria actual, apostando por un baloncesto seguro, pero sen renunciar ao espírito competitivo e de convivencia co que foi concibido este campus pensado para todos os rapaces apaixonados deste deporte de equipo”.

Desde o Concello, tal e como precisaron pola súa banda o edil de Deportes e a responsable de Cultura, “poñemos á súa disposición todas as instalacións municipais e o apoio loxístico necesario para contribuír a que o campus EntreNos volva ser unha experiencia única para a mocidade participante”.

O campus, loxicamente, xirará en torno ao baloncesto, pero tamén se programarán actividades complementarias para que os participantes poidan coñecer as múltiples posibilidades que ofrece o Concello de Cervo, tanto desde o punto de vista cultural como deportivo; programando diferentes saídas que enriquecerán aínda máis a experiencia. 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa