O MUNDO DO MAR O MUNDO DO MAR

Se falamos do Concello de Cervo, hai que facer unha mención especial ao mar, que define esta terra, tanto pola beleza da súa costa e das súas praias, como polo traballo que deu á maior parte dos seus habitantes, que dedicaron a súa vida á pesca de especies mariñas, incluso a captura da balea, á preparación de instrumentos para esa tarefas e á transformación posterior dos alimentos recolleitos, existindo ricas ruínas de antigas fábricas de salgadura.

O protagonismo neste campo lévao a parroquia de Lieiro, e máis concretamente San Ciprián, xa que é neste lugar onde están situadas as construcións que están relacionadas máis estreitamente co mar, o porto, o Faro, o Museo do Mar...

O porto pesqueiro, nos séculos XIV e XV, construía carabelas e alimentaba unha fábrica de salazón, cuxos restos aínda podemos contemplar no Castelo Mariño. Consérvanse restos de dúas industrias de salazón. Trátase de estruturas de pedra practicamente destruídas, pero nas que aínda é posible rastrear o proceso de traballo de antano.

Ademais, o mar orixina mitos e lendas que conforman as festas do lugar. Dende o Faro, na Atalaia, podemos observar as míticas illas dos Farallóns, onde ten inicio a lenda da Maruxaina, un festexo popular estreitamente relacionado co mar, declarado de Interese Turístico Galego.

A Maruxaina era unha serea que, coa súa beleza, a súa doce voz e simpatía atraía aos mariñeiros para que posteriormente naufragasen, embobados por un espellismo e unha ilusión óptica que os hipnotizaba. Para que ninguén volvese a padecer aquela atracción fatal da Maruxaina búscase unha solución. Todos os mariñeiros decidiron saír ao mar unha noite escura para facer soar uns cornos, que antes empregaban estes traballadores para orientarse na noite e nas brétemas. No pobo apagaron todas as luces e saíron á captura da perversa serea. Co ruído dos cornos non se podían escoitar os cantos da ninfa, de tal xeito que puideron apresala, conducila a San Ciprián e alí foi xulgada.

Hoxe en día celébrase esta lenda. A xente sae ao mar en lanchas, coas luces apagadas e fai soar as sereas das embarcacións, facendo un atroz estrondo. Apresan á Maruxaina e, xa de volta, acéndense as luces e a serea é xulgada na praia do Torno. Defensores e detractores seguen co festexo ata altas horas da noite.

A importancia do mar nesta localidade tamén a comprobamos coa existencia do Museo do Mar, único de toda a provincia e un dos dous que hai en toda a Comunidade Autónoma. Nel podemos atopar toda clase de instrumentos relacionados coa pesca e coa navegación, trátandose dun museo adaptado ás esixencias da Nova Museoloxía.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa