Publicador de contidos Publicador de contidos
« Atrás

VILLARES PRESENTOU ANTE UNHA TRINTENA DE ALCALDES DE GALICIA E PORTUGAL O PLAN DE REFORESTACIÓN

O rexedor e Vicepresidente Primeiro da Fegamp foi o encargado de moderar na sede do organismo un intercambio de experiencias centrado na prevención de incendios

O alcalde de Cervo e Vicepresidente Primeiro da Fegamp, Alfonso Villares, foi o encargado de moderar en Santiago de Compostela, o encontro de alcaldes de Portugal e Galicia que tivo lugar no salón de actos da Federación Galega de Municipios e Provincias.

A cita, na que participaron unha trintena de rexedores de Galicia (o rexedor de Brión, José Luis García, o de Ames, José Miñones, o de Ribadeo, Fernando Suárez e o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz) e Portugal foi concibida como un intercambio de experiencias en materia de prevención de incendios.

En concreto da veciña Portugal participou a Comunidade Intermunicipal da Rexión de Coímbra (CIM- RC), que é unha asociación de municipios (NUT III) que integra aos concellos de Arganil, Cantanhede, Coímbra, Condeixa-a-Nova, Figueira da Foz, Góis, Lousã, Mealhada, Mira, Miranda do Corvo, Montemor-o- Vello, Mortágua, Oliveira do Hospital, Pampilhosa da Serra, Penacova, Penela, Soure, Tábua e Vila Nova de Poiares.

A razón desta visita foi que tras os incendios forestais ocorridos en 2017 na rexión portuguesa, que destruíron cerca de 122 mil hectáreas de área forestal e causaron numerosas mortes, a CIM decidiu realizar unha visita a Galicia considerándoa unha rexión onde son aplicadas as mellores prácticas. O obxectivo desta visita era coñecer toda a estrutura de protección civil, emerxencias, xestión e prevención forestal da Xunta de Galicia, a fin de permitir o intercambio de experiencias e así adquirir nova metodoloxía de preparación e intervención.

Villares resaltou que o encontro foi moi positivo en todos os sentidos “e serviu para poñer sobre a mesa as diferentes políticas de prevención e liñas de traballo deseñadas para abordar esta problemática”.

Na súa intervención, Villares defendeu a necesidade de incidir na prevención “como a mellor arma para tentar loitar contra esta lacra; e neste senso, en materia de política forestal é fundamental a implicación de todos os actores, Administracións (Xunta, Deputaciós e Concellos) e cidadáns; para, entre todos, artellar os mecanismos que salvagarden os nosos bosques”.

Así mesmo, o rexedor de Cervo, tamén fixo fincapé na importancia de buscar o rendemento produtivo da nosa terra, aproveitala para que produza riqueza; “porque unha xestión responsable pode ser o acicate que contribúa ademais a revitalizar o noso rural”.

Villares remarcou que non debemos demonizar ningunha especie, porque non hai dúbida de que o monte arde porque alguén lle planta lume; pero si que resulta primordial respectar a normativa en materia de plantación de árbores, nomeadamente daquelas de crecemento rápido,  “porque unha adecuada xestión da súa ubicación, densidade ou manexo, fai compatible a súa explotación coa doutras masas árboradas autóctonas e produtivas, podendo converterse estas últimas en opcións moi favorables ademais para o asentamento de nova poboación no rural”.

O alcalde presentou na sala o Plan de Reforestación Integral que iniciamos no Concello de Cervo fai dez anos en 5 fincas de titularidade municipal “consistente na repoboación destes bosques, que suman máis de 20 Ha, con árbores do país, e a día de hoxe xa son máis de 8.000 as especies -entre castiñeiros, carballos e frondosas autóctonas- que plantamos”.

Recordou que os obxectivos que perseguimos desde o Concello de Cervo con esta política medio ambiental son “traballar pola prevención de incendios, facendo unha aposta polo autóctono; así como o aproveitamento produtivo do monte, que será herdanza para as futuras xeracións; e a defensa do patrimonio forestal galego”.

Villares tamén abordou as diferentes actividades que se programan ao longo do ano no eido educativo co fin de concienciar aos rapaces desde pequenos en materia medio ambiental “de tal xeito que organizamos conxuntamente cos centros educativos varias saídas para que eles mesmos se impliquen na plantación de especies autóctonas nas parcelas municipais”.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa