Publicador de contidos Publicador de contidos
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO INICIA UN PROGRAMA DE VISITAS GUIADAS PARA DAR A COÑECER Á VECIÑANZA TODO C

A edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, acompañou hoxe aos alumnos de 1º e 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos que foron os que inauguraron a actividade visitando o encoro de Rúa, a potabilizadora da Senra e a depuradora de augas residuais de San Ciprián

O Concello de Cervo vén de iniciar un programa de visitas guiadas para dar a coñecer a toda a veciñanza o ciclo urbano da auga, desde a súa captación, pasando polo proceso de potabilización, e rematando no tratamento de augas residuais na planta depuradora.

A edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, acompañou hoxe a un grupo de corenta alumnos de 1º e 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos, que foron os que inauguraron a actividade didáctica coa que pretendemos concienciar á veciñanza “sobre a importancia de racionalizar os recursos naturais e incidir no respecto ambiental”.

A edil apuntou que xa no pasado curso comezamos a programar visitas ás dúas plantas depuradoras máis importantes do municipio, a de San Ciprián, de última xeración, de tratamento biolóxico; e a de Cervo, que é ecolóxica e que emprega un sistema innovador de plantas macrofitas, e que puxemos en funcionamento no ano 2015; e “dado o interesante que resultou a iniciativa agora quixemos ampliar o seu percorrido para que aquelas persoas que participen nas visitas poidan facerse unha idea completa de todo o proceso”.

O alumnado comezou a visita no encoro de Rúa, fonte natural de auga non potable, onde se fai a captación para o seu posterior tratamento para facela apta para o consumo; proceso que ten lugar na planta potabilizadora da Senra, onde os rapaces e rapazas viron os diferentes tratamentos físico-químicos e de desinfección que se lle aplican para eliminar a súas impurezas e os microorganismos patóxenos. Desde a potabilizadora a auga xa sae en condicións óptimas para o consumo nos nosos fogares e tamén para os diferentes usos industriais.

O último elo da cadea é a planta depuradora de augas residuais. Neste caso visitaron a ubicada en San Ciprián, onde puideron ver como se trata este recurso, logo do uso que lle damos nos nosos fogares, para devolvelo ao medio natural libre de axentes contaminantes.

Aqueles colectivos interesados en participar nestas visitas guiadas, poden poñerse en contacto co Concello de Cervo a través das diferentes canles de comunicación: redes sociais, páxina web, ou chamando ao teléfono 982.55.77.77.

 

 

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa