Publicador de contidos Publicador de contidos
« Atrás

O CENTRO DE EMPRENDEMENTO E ARTESANÍA DO CONXUNTO HISTÓRICO DE SARGADELOS ESTARÁ EN FUNCIONAMEN

O proceso de adxudicación rematou no día de hoxe

Nos locais habilitados haberá un centro ecuestre e de terapia equina, unha artesá da rama alimentaria e un obradoiro de artesanía.

Quedaron tres locais baleiros aos que pode seguir optando calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”

No día de hoxe, coa apertura dos sobres B, puidemos ter acceso aos proxectos que se presentaron para optar á cesión de uso en réxime de aluguer dos locais habilitados no edificio das Cabalerizas, no Conxunto Histórico de Sargadelos.

En total foron tres as iniciativas propostas para formar parte do novo Centro de Artesanía e Emprendemento do Concello de Cervo.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Emprego, Manuela Méndez, xa tiveron unha primeira toma de contacto cos mozos e mozas que albergarán as instalacións e que comezarán a desenvolver a súa actividade neste verán.

En concreto no novo Centro haberá, inicialmente, un centro ecuestre e de terapia e un negocio da rama da artesanía, que se unen á empresa de alimentación á que xa se lle foi adxudicado un local hai 6 meses.

O centro ecuestre levará por nome Cabaliño de Pao, Espazo Natural. Unha idea concibida por uns rapaces amantes dos cabalos e con formación terapéutica, que pretenden realizar actividades de lecer con cabalos para toda clase de público e facilitar o goce de momentos de lecer e esparexamento ao colectivo de persoas afectadas por algún tipo de diversidade funcional, así como ás familias e persoas da súa contorna próxima mediante a realización de distintas disciplinas de Equinoterapia; ao tempo que contribuirán á promoción da contorna do complexo, mediante rutas cabalares e outras actividades ao aire libre. Para elo farán uso do espazo exterior anexo ao Edificio das Cabalerizas, con cuberta, e de 100 m2; e dun dos locais interiores.

O negocio de artesanía leva como nome ArtesaNuRa e teñen como obxectivo entrar no mercado artesanal e amosarlle á xente o seu grao de creatividade. Para iso traballan com materias primas de primeira calidade e realizarán cursos e obradoiros que promocionen a súa actividade.

O rexedor apuntou que a día de hoxe quedan desertos 3 locais aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”.

Recordou, así mesmo, que os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, co sector turístico, coa hostalaría, co sector educativo, terapéutico ou con calquera outra actividade relativa ao sector terciario.

Villares sinalou que é un momento importante para Cervo, porque o Centro de Emprendemento e Artesanía vai comezar a ter vida xa este verán da man destes mozos e mozas con iniciativa e ideas frescas e novidosas aos que lles desexamos moitísima sorte nesta andaina; sabedores de que a súa actividade dará, sen dúbida, un enorme valor engadido a toda esta zona”.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa