
O CONCELLO DE CERVO IMPULSA A ACTIVIDADE DO TECIDO ASOCIATIVO E OS PROGRAMAS DE FORMACIÓN XUVEN
No orzamento previsto para 2019, pechado finalmente en 7.110.667 euros, destacan tamén, por exemplo, as partidas destinadas aos Servizos Sociais (481.500 euros) ou á Educación (376.505 euros)
- Villares distinguiu o apartado de investimentos reais “que incrementamos en 120.000 euros con respecto ao pasado exercicio, superando o millón de euros”
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, debullaron hoxe o orzamento previsto para este ano 2019, que vai ser presentado este venres ante a Corporación Municipal na Comisión de Facenda, e que quedou pechado finalmente en 7.710.667, 27 euros, unha cifra nivelada entre gastos e ingresos.
O rexedor destacou as partidas dirixidas ao impulso da actividade do tecido asociativo do municipio “ao que destinamos máis de 200.000 euros en forma de subvencións nominativas ás diferentes asociacións culturais e deportivas que contribúen a dinamizar as nosas vilas a través da programación de diferentes eventos ao longo de todo o ano”.
Ademais, nos orzamentos (dentro do mesmo apartado de transferencias correntes) tamén cobra especial relevancia o programa de formación xuvenil a través de bolsas remuneradas que temos implantado desde o 2013 para o que destinamos 140.000 euros do orzamento deste próximo ano. Cremos que é unha iniciativa que está a dar resultados, e que ten como obxectivo “ofrecer á xuventude ese primeiro contacto co mundo laboral, reforzando a súa aprendizaxe para logo enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis esixente e competitivo”. Nestes anos, 80 mozos e mozas do municipio realizaron estas bolsas en diferentes dependencias do Concello.
Dentro do orzamento tamén destacan, por exemplo, tal e como precisou Caramés, as partidas destinadas aos Servizos Sociais, que son de xestión municipal directa, con 481.522 euros; ou á Educación con 376.505 euros, na que se inclúen, ademais do servizo da Escola Infantil Municipal e o mantemento das instalacións educativas, as axudas que se destinan ao transporte, ás ANPAS ou aos centros escolares do muncipio para contribuír cos seus gastos de funcionamento diario.
A edil de Facenda quixo así mesmo subliñar o apartado de Investimentos Reais que incrementamos en 120.000 euros con respecto ao pasado exercicio, superando o millón de euros “porque a nosa intención é seguir esa liña que vimos marcando nestes últimos anos co fin de mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, investindo naquelas infraestruturas esenciais que moitas veces non se ven, como as melloras na rede de abastecemento ou o achegamento do saneamento aos núcleos rurais; dotándoos de servizos de calidade para os seus habitantes, e coas que tamén tentamos favorecer o asentamento de nova poboación nas nosas aldeas”. Ademais esta partida tamén contempla melloras importantes en infraestruturas en todo o termo municipal.
Ademais, recordamos que o Concello de Cervo rematou o ano cunha débeda bancaria que, por primeira vez, está por debaixo do millón de euros, concretamente sitúase en 937.723,73 euros, entre os dous préstamos en vigor.
Tal e como precisou Villares en días pasados, “xa poderiamos ter amortizados estes créditos, pero como un deles non xera xuros e o outro apenas –pagáronse 110 euros no ano 2018-, optamos por destinar estes cartos a materializar proxectos e mellorar servizos fundamentais para a veciñanza, como as redes de saneamento ou abastecemento de auga”.
O alcalde destacou así mesmo vai uns días a importante redución da porcentaxe da débeda viva –resultado de dividir a débeda bancaria entre os recursos do Concello- que se situaba no 1999 no 151%, que é do 14,3% ao remate deste ano e a previsión é que rolde o 10% a 31 de decembro de 2019.
Orzamento Gastos | 2019 |
A) OPERACIÓNS CORRENTES. | 5.789.252,48 € |
I. GASTOS DE PERSOAL | 3.048.601,50 € |
II. GASTOS BENS CORRENTES E SERV. | 2.353.048,70 € |
III. XUROS. | 7.000,00 € |
IV. TRANSFERENZAS CORRENTES. | 352.880,00 € |
V. FONDO CONTINXENCIA | 27.722,28 € |
B) OPERACIÓNS DE CAPITAL. | 1.321.414,79 € |
VI. INVESTIMENTOS REAIS. | 1.055.253,09 € |
VII. TRANSFERENZAS DE CAPITAL | 0,00 € |
VIII. ACTIVOS FINANCIEIROS | 0,00 € |
IX. PASIVOS FINANCIEIROS | 266.161,70 € |
TOTAL | 7.110.667,27 € |
Orzamento de Ingresos. | 2.019 |
A) OPERACIÓNS CORRENTES. | 6.467.414,18 € |
1. IMPOSTOS DIRECTOS. | 2.597.915,63 € |
2. IMPOSTOS INDIRECTOS. | 42.189,46 € |
3. TAXAS E OUTROS INGRESOS | 2.319.233,29 € |
4. TRANSFERENCIAS CORRIENTES | 1.489.175,57 € |
5. INGRESOS PATRIMONIAIS | 18.900,23 € |
B) OPERACIÓNS DE CAPITAL | 643.253,09 € |
6. ENAXENACIÓN INVERSIONS REAIS | 0,00 € |
7. TRANSFERENCIAS DE CAPITAL | 643.253,09 € |
8. ACTIVOS FINANCIEIROS | 0,00 € |
9. PASIVOS FINANCIEROS | 0,00 € |
TOTAL | 7.110.667,27 € |