NOVAS NOVAS
« Atrás

O CONCELLO DE CERVO CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL COA DIFUSIÓN DE MICROVÍDEOS

Publicarase cada día un documento protagonizado por temáticas como a reforestación, a compostaxe doméstica ou a importancia de economizar os recursos, ata o sábado 26 de xaneiro que ten lugar a efeméride

  • Como peche da iniciativa programouse para o luns 28 de xaneiro unha sesión didáctica e interactiva dirixida ao alumnado do IES Marqués de Sargadelos

 

O Concello de Cervo conmemora o Día Mundial da Educación Ambiental coa difusión de microvídeos nas redes sociais municipais co obxectivo de contribuír a fomentar as boas prácticas entre a veciñanza.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medioambiente, Mali Méndez, presentaron a iniciativa esta mañá, coa Fervenza de Sargadelos como escenario de fondo.

As publicacións comezaranse a difundir mañá martes no twitter e no facebook do Concello, de tal xeito que se publicará un vídeo cada día, ata o sábado 26 de xaneiro, data na que se celebra a efeméride.

Os espazos estarán protagonizados por diferentes temáticas relacionadas co respecto ambiental como a compostaxe doméstica (a día de hoxe 200 familias do municipio dispoñen dun recipiente no seu fogar que distribúe o Concello de balde a aqueles/as veciños/as que o soliciten), a reforestación con árbores autóctonas (programa en marcha nas diferentes fincas municipais desde fai máis de dez anos) ou a importancia de economizar e preservar os recursos naturais, como a auga.

Ademais, nas publicacións tamén se poñen en valor os diferentes espazos naturais e rutas do municipio, como o Sendeiro Azul do Torno, a ruta das Canteiras, o paseo dos Namorados de Sargadelos ou a ruta ornitolóxica da Ribeira de Lieiro, entre outras.

A clausura da Semana da Educación Ambiental terá lugar o vindeiro luns, 28 de xaneiro, cando está programada unha actividade didáctica e interactiva coa colaboración de SOGAMA, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bach. do IES Marqués de Sargadelos.

Cabe recordar que o Concello de Cervo está incluído en varios programas medioambientais como a Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sutentable dos recursos naturais e a preservación do patrimonio natural; a Rede Española de Cidades Polo Clima co compromiso de promover a reciclaxe, a redución de desperdicios e o fomento da reutilización; e a rede Construrock, froito dun convenio asinado a finais do pasado ano co Instituto Geológico y Minero de España para promover a realización conxunta de actuacións científico-técnicas en materia de xeoloxía, pedra natural e patrimonio arquitectónico.

 

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa