
O CONCELLO DE CERVO COLABORA CON MARIÑA PATRIMONIO NUN ESTUDO PIONEIRO NO CASTRO DE RUETA
Desde a Administración local mobilizáronse todos os medios necesarios para limpar toda a zona afectada para facer viable a investigación que comanda o CSIC
Desde a delegación de Educación, en coordinación con estes dous organismos, tamén se programaron visitas escolares ao xacemento, que serán o mércores en horario de mañá
Villares: “temos que darlle os parabéns a Mariña Patrimonio por esta nova iniciativa que desde o Concello, como non podía ser doutro xeito, apoiamos desde o primeiro intre”
O Concello de Cervo colabora coa asociación Mariña Patrimonio nun estudo pioneiro que se está a desenvolver estes días no Castro de Rueta, e que está comandado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Tal e como explicou Villares, desde a administración local mobilizamos todos os medios propios necesarios para realizar as tarefas de limpeza da zona afectada, que ten unha gran extensión, antes da toma de datos, “para favorecer e facer viable a investigación que se apoia nunha tecnoloxía non invasiva e pioneira a nivel galego, que permitirá valorar o estado de conservación do castro e valorar a idoneidade para realizar unha intervención de maior envergadura na zona”.
Villares explicou que desde o Concello, en coordinación con Mariña Patrimonio e co CSIC, tamén se programaron unha serie de visitas escolares ao xacemento “para que o alumnado poida ver sobre terreo as dimensións do traballo preliminar que se realiza estes días no castro, que forma parte do noso patrimonio arqueolóxico, e facer unha viaxe ao pasado que lles permitirá achegarse un pouquiño ao modo de vida dos nosos antepasados”.
Estas visitas guiadas serán o mércores, 2 de novembro, ás 11:00 horas para o alumnado do CEIP Península da Paz e ás 12:30 horas para o alumnado do CEIP de Cervo. Xa ese mesmo día ás 16:30 horas a actividade divulgativa estará aberta ao público que desexe achegarse a ver in situ os traballos de investigación.
Villares quixo darlle os parabéns a Mariña Patrimonio por esta nova iniciativa, “que desde o Concello, como non podía ser doutro xeito, apoiamos desde o primeiro momento, xa que entendemos que é “unha oportunidade única para poder descubrir e sacar á luz unha parte importante do noso pasado”.