NOVAS NOVAS
« Atrás

A PRAIA DO TORNO LUCIRÁ BANDEIRA AZUL UN ANO MÁIS POLA CALIDADE DAS SÚAS AUGAS E DOS SEUS SERVI

O Concello de Cervo emprazou aos socorristas municipais no areal xa a finais do mes de maio para velar pola seguridade das persoas usuarias ante a previsión da chegada do bo tempo, e coincidindo co alivio das medidas restritivas en Galicia.

Villares: “estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo o recoñecemento cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio.

Deste xeito un ano máis a Praia do Torno recibe o distintivo de Bandeira Azul, pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “estamos satisfeitos porque estes recoñecementos veñen referendar o labor que levamos anos desenvolvendo para buscar a calidade dos nosos recursos naturais, o que supón unha importante inversión en infraestruturas, en saneamento e no coidado e mantemento destes espazos, e estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.

O rexedor sinalou que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño dos que temos que desfrutar con responsabilidade e gardando o distanciamento social correspondente, dada a situación excepcional que vivimos”.

Villares recordou así mesmo que desde a última fin de semana de maio, en previsión da chegada do bo tempo e coincidindo co alivio das medidas de restrición en Galicia, xa temos activo o servizo de socorrismo municipal na Praia do Torno, a de maior afluencia de xente en tempada estival, e hoxe  galardoada de novo coa Bandeira Azul.

Deste xeito, 6 socorristas que forman parte do cadro de persoal da Administración local, velan pola seguridade das persoas usuarias, de luns a domingo, en quendas de mañá e tarde.

Así mesmo, nestas últimas semanas, en coordinación co Servizo Municipal de Emerxencias, traballouse na elaboración dun protocolo de salvamento e seguridade nos areais de tal xeito que se dotou aos socorristas de balóns de ventilación, de gafas protectoras especiais e de equipos de protección individual para cada técnico para que poidan realizar as intervencións de primeiros auxilios, se se dese a circunstancia, con todas as garantías tanto para o suposto lesionado como para o propio socorrista; coa máscara como elemento obrigatorio ante a imposibilidade de manter a distancia, nestes supostos. Os socorristas tamén dispoñen de xeles desinfectantes e demais material específico contra o COVID-19.

Así mesmo, tamén se están a instalar carteis informativos en todas as praias do municipio nos que se lles recorda ás persoas usuarias a importancia de manter a distancia de seguridade tanto sobre a area como no baño, que eviten que as crianzas contacten con materiais e con outras persoas,  que non practiquen deportes colectivos no areal e que, se detectan algún síntoma, que abandonen a praia.

Desde o Concello de Cervo pídenlle á cidadanía que goce dos diferentes areais que ten o municipio, pero sempre con responsabilidade, e seguindo as recomendacións de Sanidade.

Escudo
© CERVO 2017
Praza do Concello, s/n
27891 Cervo
Tel.: +34 982 557 777 - Fax : +34 982 557 729
CONÉCTATE A CERVO

O Concello de Cervo tamén está contigo nas redes sociais. Sigue toda a súa actualidade a través destas canles e participa!

  • Flickr
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • RSS
  • Google+
  • Picasa